29/11/08

As carreiras en Cee
Este xoves, o día 27, andivemos ás carreiras por Cee(villa). Marcharon alá uns 45 alumnos e alumnas do centro para participar no campo a través nas categorías infantil e cadete. Case todos fixeron un bo papel, participando cun bo espíritu deportivo. Tanto é así que incluso Mauro Lista quedou de 1º e Joly fixo unha carreira grandiosa e case queda clasificada individual.
Lástima dos cadetes, que deben ir vellos e lle fallan as forzas. Terá algo que ver co feito de estar en 4º??

BubbleShare: Share photos - Find great Clip Art Images.

19/11/08

MOMENTOS DE LECTURA…

…que veñen sendo momentos de integración. E se non que llo pregunten a Camila e a Ouidane, unha veterana de 2º de ESO e unha novata de 1º.
Neste caso a novata colleu un libro que lle transporta ata o seu querido Marrocos, e quixo aproveitar para amosarlle á súa amiga como pode ser unha mesquita por dentro. E así, nun plis plas, estaban na Mesquita da Roca, lugar de peregrinación do Islam.
Os libros, e as súas palabras escritas sen odio, unen. Deixémonos unir!
Hai que ser un cacho de granito para non sentir que as palabras nos poden descubrir un mundo por onde viaxar . E que mellor guía nestas viaxes que unha man amiga?
Estou colléndolle gusto a esto de patrullar pola biblioteca.

18/11/08

VANIER
Para os despistados/as dicir que Vanier é un grupo camariñán de 'Gothic Metal' e que os seus compoñentes son ex-alumnos do noso centro.
Teñen unha páxina en MySpace na que podedes oír un tema seu (hai que dicir que melloraron bastante desde a última vez que lles escoitei algo). O temá é instrumental, e andan á caza e captura dun vocalista coa gorxa o bastante 'rota' para que encaixe co seu son. Alguén se anima??

17/11/08

XOGANDO CO MAR

Alumnado de secundaria, ondas do mar coruñés. Xusto na beira do Aquarium e da Domus.
Adolescentes con gañas de xogar e 2 lugares para aprenderlles cousas xogando. Esaxero?
Aulas moi abertas e seres na idade de recoller unha información que se lles oferta con medios diferentes ós da cotidiana clase.
Juanmanueles e Sheilas recibindo, peixes no Aquarium e mecanismos vitais na Domus emitindo. Vos soa a algo eso da comunicación?
“Vaia bogavante”, “ese tiburón que non para de dar voltas”, “que noxo cando nacemos”, “son capaz de estar máis relaxado ca ti”… Unha chea de momentos científicos case sen recoñecelos.
E, para rematar a clase, un paseo por Dolce Vita. Sí, así é, non lle botemos a culpa a eles, a culpa é desta sociedade consumista que os mete no botellón da publicidade : compra, compra, compra… Que mentira sería pasar como se non existira.
Eles só queren xogar, somos os adultos quen impoñemos as regras do xogo. Non nos enganemos!
Eu pensaba falar da excursión a Coruña do 11/11/08, pero…

8/11/08

UN VETERANO LECTOR

Veterano e completo, xa que practica esa lei da biblioteca, non escrita, que nos fala de como o cine e os documentais complementan o uso dos libros.
O amigo José Ignacio estaba a devolver o seu exemplar da serie Xeografía Galega e decidín asaltalo cunhas preguntiñas. E aquí temos a conversa:
"Por que decidiches coller este documental?
- Apetecíame ver cousas de sitios como Os Ancares, Muxía, Camariñas…
E que chamou a túa atención do que polo documental asoma?
- Gustoume ver os osos e os lobos que saían nos Ancares, ou as vistas desde o aire que hai de Camariñas…
Prefires ler ou ver imaxes?
- Aínda que me gusta moito ler, disfruto tamén moito vendo cousas con imaxes.”
Pois si, mentres teñamos alumnos así, a biblioteca está cumprindo unha boa función.
E vale a pena que siga de patrulla.